Page 20 - DOSSIER MARIBEL
P. 20
Un día, Maribel Castiñeira comezou a pintar e preguntouse se aquel xesto
inicial podía ser un camiño.
E, se o era, cara a onde a levaría.
Tiven a sorte de ser testemuña desa pregunta e de observar
como, sen apenas ruído, nacía unha carreira artística.
A resposta, penso, debe ser sempre a mesma: ao que
sae de dentro hai que facerlle caso, porque probablemente sexa verdade.
E a obra de Maribel fala, por enriba de todo, desa verdade.
Pinta desde Xermaña, o lugar onde vive —e que asina como XMÑ—.
Un espazo que a acolle e que, ao mesmo tempo,
lle permite poñer distancia para mirarse con sinceridade.
Pinta descalza, coas plantas dos pés tocando a terra.
A natureza pásalle directamente á man e do seu corpo ao papel,
nun acto que ela mesma define como meditación.
As súas pinturas nacen da terra traballada, das leiras,
dos montes que agardan ser rozados, das fontes, do mar.
Nacen do substrato que nos sostén e tamén das historias que o tempo
silenciou, aquelas que non se contan e que, na súa obra, recobran vida.
Maribel é unha artista autodidacta que experimenta cunha técnica libre,
crúa, sen artificios.
Os seus trazos, ás veces tan intensos que case rasgan o soporte, fuxen do virtuosismo.
Porque na inmediatez está a verdade da súa arte.
Como na meditación: a mente desaparece e queda só o sentir.
Desa desaparición consciente nace o xesto creativo.
A súa pintura foi medrando en complexidade sen perder a forza do impulso.
Partindo da cor e do trazo espontáneo,
crea abstraccións que se revelan coma aparicións:
rostros, formas, escenas que emerxen do fondo coma
se sempre estiveran aí, agardando por ser vistas.
É un animismo pictórico, un desvelamento. A arte como medio para deixar falar ao invisible.
Maribel fai falar á natureza.
A través da súa pintura libera o sagrado que se oculta na paisaxe,
facendo visibles as almas que a habitan.
Oxalá a pintura que pinta a leve moi lonxe.
Porque xa está, sen dúbida, moi preto da verdade.
Grazas por mirar con tempo,
por sentir sen présa e por permitir que estas obras atopen un lugar dentro de ti.

